Hai xa uns anos, un grupo de mozas e mozos con inquedanzas similares atopámonos coa necesidade de movernos e contribuír a dinamizar a zona rural onde vivimos e nos educamos. Aínda que as necesidades eran diversas, planificamos pensando na cultura, na educación, no ocio e, como eramos novos, na mocidade e na infancia. Iso pronto foi cambiando, e o grupo asumiu outras funcións, como referente na organización de diferentes accións, na xestión de usos sociais dos locais parroquiais, no seu mantemento e mellora, etc.  Ese grupo inicial, non pouco numeroso, foi evolucionando en moitos aspectos, tamén nas persoas integrantes. Das primeiras quedan unhas poucas, pero viñeron e virán outras, xente nova con inquedanzas na que o feito asociativo é asumido con normalidade


Aquel grupo de mozos e mozas, hoxe xa non tanto, pasou de facer cousas, de traballar case espontaneamente, a planificar o que quería facer. De ter ideas e poñelas en común dun xeito informal, no noso tempo libre, a reunións de traballo nas que todas e todos tiñamos algo que aportar e que conseguir.
Ata naceu de parto fácil unha comisión que se encargou de coordinar multitude de accións, establecer prioridades e elaborar un documento marco sobre o cal nos guiariamos, os futuros estatutos. Momento traballoso e con dificultades, nun grupo moi heteroxéneo: humanistas, técnicas, xente traballadora, estudantes, … con distintos plantexamentos, con experiencias asociativas previas e sen elas …  Primaba compartir inquedanzas.
As xuntanzas e actividades informais comezaron no 1990, mais algúns xa eramos amigos moito antes. No ano 1995 dótase a asociación de estatutos e rexístrase como Asociación Cultural e Xuvenil A Xesteira, desde 2002 só A Xesteira, mais coherente e realista, grazas a unha reforma estatutaria de adaptación a unha nova situación legal que xerou a aprobación da Lei de Asociacións en España


A promoción da vida social e cultural no espazo rural no que vivimos, o coñecemento, respecto e promoción do entorno, do medio natural e humano, da lingua e da cultura. A participación da poboación, nomeadamente da mocidade, na vida social, e a creación e promoción de espazos para esa participación, A Xesteira é se cadra un.
O dinamismo no rural, a difusión de oportunidades, a ilusión da mocidade e da poboación da parroquia, a formación, a demostración de que algunhas cousas difíciles son posibles…


Xuntámonos, promovemos a cultura e a valorización do medio rural, a mellora das condicións de vida e a vida social.
Xuntámonos con outras asociacións e grupos cos que compartimos experiencias, visión da realidade e, por qué non, proxectos
Promovemos a formación no ámbito socio-cultural, na xestión e organización de proxectos e asociacións, a participación de mozos e mozas como forma de aprendizaxe, de relación e de vivencia.
Organizamos actos e eventos culturais, algúns de certa entidade e complexidade, outros mais caseiros, pero tamén importantes, saídas, festas,
Xestionamos, non sen certas dificultades, os usos dos locais comunitarios da parroquia, a súa mellora, conservación e mantemento, a súa posta a disposición para as necesidades colectivas